martes, 23 de marzo de 2010

Luar Na Lubre - Romance de Don Gaiferos

Música Tradicional, un reconocimiento a LUAR na Lubre

lunes, 21 de septiembre de 2009

sábado, 30 de mayo de 2009

Non quero pagar máis (10 Marzo 2009)

Hai anos que estou pola obxección fiscal, aquela que en principio foi formulada como protesta pola asignación de recursos do I.R.P.F. que pagamos os/as traballadores/as a gastos de defensa. Hoxe a min antóllaseme necesario propoñer unha nova obxección fiscal para deixar se subvencionar a quen malversa, se enriquece de xeito obsceno, é culpábel da crise ou cobra por non facer nada útil.
Premio. Estou a falar de dirixentes de banca e políticos/as. E dis sindicatos silenciosos e pouco combativos.
Non quero pagar máis subvencións para soster aos bancos que mercaron non sei que paquetes de non sei que porcallada agora denominada "ninja" (ceos, estiven a ler diso e non comprendín da misa a media, agás que nos tomaron o pelo varias veces)... Non quero subvencionar os millonarios beneficios desas entidades e os emolumentos (non me atrevo a dicir salarios, que me soa a traballo) dos seus señoritos. Non quero sufragar novas ideas para que sigan gañando cartos á nosa costa.
Xa posta, non quero subvencionar o aluguer do piso do neto de Botín. Por exemplo. Non quero políticas de "café para todos"; quero que se axude a quen o precisa, e se para iso hai que mirar declaracións de facenda e relacións de propiedades, fágase, demo.
E non quero pagar cifras -menos millonarias, pero suculentas- a unha clase política que non sabe reaccionar ante esta crise, se non é pagándolle máis á banca, culpábel directa da situación na que nos atopamos. Non quero que dos meus impostos -ollo, estou no paro pero pago como cada quen-, unha parte vaia a financiar operacións de alta enxeñería para maior gloria da jet set económica. Non quero máis cochazos, pagados ou prestados (hai que ter pouca vergoña); nin máis cambios de despachos, nin falar máis de cadeiras ou mesas, nin máis tarxetas de crédito utilizadas por fillas adolescentes de concelleiras, nin máis traxes gratis...
Quero que alguén me diga como se amaña esto, que se vai facer por nós, ónde imos traballar dentro de seis meses, se os nosos dereitos xa non importan nada. Se, a parte de votar cada catro anos, a clase traballadora ocupa un só minuto nos pensamentos dos/as nosas/as dirixentes. Que cada día me parece menos probable. Quero que os sindicatos se preocupen menos polos seus ingresos en función de afiliados/as e delegados/as e máis polos problemas concretos. Quero que deixen de aplaudir e se poñan á tarefa. Quero que recuperen a credibilidade e que defendan en serio os intereses de traballadores/as.
A iso viña o título de hoxe. Día da Clase Obreira Galega. Van 37 anos das mortes de Amador e Daniel, e que me coma unha chispa se non é preciso volver a reivindicar o mesmo que daquela; salarios dignos, iguais para mulleres e homes, estabilidade no emprego, menos precariedade, saúde e seguridade laboral, acceso da clase traballadora aos medios de produción, dereito á carreira profesional e a o progreso...
Por iso non quero pagar máis para apoiar estas historias de terror. E por iso me cabrea especialmente no 10 de Marzo

Silleda Siberia (30 Marzo 2009)

Quero hoxe compartir con vostedes unha curiosa experiencia. A de opositar para o corpo de subalternos (hoxe denominado agrupación profesional, qué bonito) da Xunta de Galicia. Ou como visitar Siberia sen saír de Silleda, sentíndose ademais coma un auténtico xato na feira de gando.
Aló fomos o domingo non sei cantos milleiros de persoas, supoño que lonxe das once mil cen admitidas, pero unhas poucas xa éramos.
A historia comeza coa espera ás portas dos pavillóns, nunha mañá xélida e con algún chuvasco traidor. E claro, coa tradicional demora no inicio da chamada, anunciada para as dez e media, pero que empeza case dez minutos tarde. Dez minutos, para chamar a tanta xente, é moito tempo.
E vaise chamando, unha a unha, a cada persoa, mentres o resto treme de frío, móllase, desespera. Hai momentos en que a comprobación da identidade e de que non levamos ferros ocultos atasca as portas. Paciencia.
Xa no interior, vai un frío que non é normal. Hai persoas, eu entre elas, que parecemos verdadeiros bonecos de Michelin, baixo capas e capas de roupa. Máis curiosidades, ninguén se atreve a prescindir sequera do abrigo, e nalgúns casos, nin de luvas, bufandas e puchos.
Botamos máis de dúas horas e media neses pavillóns conxelados, cunha especie de ar acondicionado que unicamente bufa, frío, sobre as nosas cabezas, dificultando a concentración e alborotando melenas, pero polo demais, totalmente inútil. E estúpido.
Ás veces, cóntame unha veterana, poñen unha especie de estufas grandes, nos pasos entre as filas de mesas cheas de xente. Hoxe non toca. Levo as man azuis cando saio.
Supoño que se considera normal que nos amoreen coma a xatos nas portas dos pavillóns, que nos berren para chamarnos, ou que pola megafonía non se entenda un pito das instrucións, porque para iso é unha feira de gando e o gando non precisa instrucións para nada.
Pero que, á saída, no canto de comentar o exame, a xente só falase do frío, é algo máis que curioso. Sobre todo tendo en conta que a cada un/ha de nós, custounos 19,97 euros a matrícula en tan singular proba. Máis de 220.000 euros en total.
A parte de pagar pavillón e persoal vixiante, non daba para unhas estufiñas? De que depende que as poñan ou non? Da categoría do grupo, da capacidade de organización, da taxa que se aboa?
A min hanmo explicar.... cando deixe de tremer.

Caras e cus de muller (29 Abril 2009)

Desde hai vinte e catro horas, ler a prensa no que se refire á política europea dá algo máis de noxo do habitual, porque no canto de reflexións, propostas, discusións, acordos e desacordos -en fin, o que calquera esperaría atopar -, a información trata de caras e cus. Así, sen máis.
Caras, as das mulleres fermosas -ás que non se coñece outro mérito, dito sexa de paso - que o incríbel Berlusconi convocou para renovar as listas do seu partido para as vindeiras eleccións europeas.
Cara, tamén, a que se lle puxo á súa dona, Veronica Lario, cando escoitou a este indescritíbel individuo dirixirse a varias mulleres, nunha gala pública, con frases como "se non estivese xa casado, casaría con vostede agora mesmo" ou "a ti lévote onde queiras"... O enfado levouna a escribir un artigo nun xornal poñendo de volta e media ao denominado "cavaliere" (????) e asegurando que ela e máis os seus fillos son vítimas e non cómplices das saídas de pata de banco do "señor" Berlusconi.
E cus, os da ex modelo francesa Carla Bruni e da ex xornalista española Letizia Ortiz, fotografados ate a náusea durante a visita do presidente Sarkozy - e señora, claro - a Madrid.
Non abonda con que durante as visitas oficiais, os señores políticos celebren reunións mentres as súas donas toman té, visitan museos e hospitais, e outras actividades semellantes e igualmente importantes para a Humanidade, senón que agora, hai que pasar revista a curvas e cus, mirar quen vai mellor ou peor vestida, canto miden os tacóns e se fixeron ou non algún amaño nos seus físicos...
Que son moi donas de facer, por outra parte, o que queiran con trapos, narices e cus, pero que estas sexan as noticias destacadas, semella dar cen pasos atrás na loita pola consideración das mulleres como persoas e non como cousas máis ou menos bonitas.
Xa sei que é predicar no deserto e que tales cuestións fundamentais para o planeta serven para encher páxinas de xornais e horas de radio e televisión, polo que cada día somos menos as que protestamos por estes comportamentos.
Pero síntoo moito, a min tocoume nesta feira o papel de raiante. E nesas ando.

QUE A VIOLACIÓN NON SEXA DELITO 29.05.09

Eso pide un tal Ricardo Benjumea, redactor xefe do semanario que edita o Arcebispado de Madrid (demostración palmaria de que o noso devaluado oficio pode exercelo calquera, independentemente do seu nivel neuronal).
Di o individuo este que a deshumanización da sexualidade, que leva á única busca do pracer, elimina o sentido de manter a violación no Código Penal, porque é como obrigar a alguén a se divertir durante uns minutos.
Querería eu saber como chegou esta criatura á tremenda conclusión de que nas violacións, a persoa sometida goza e se divirte. Pero claro, eso explicaría séculos de abusos a menores, a mellor chamada pederastia, porque supoño que nesa órbita ideolóxica, os agresores entenden que están proporcionando aos menores violados, goce e diversión.
Desexaría escribir moreas de cousas, pero confeso que estou bloqueada. Tales anormalidades desmontan o sentido do noso sistema penal, xa que, como exemplo:
- nunca se podería ter absolto ao asasino de Isaac e Julio en Vigo, porque dixo ter medo de que o violasen. Se o ía pasar bomba, en palabras de Benjumea, durante un ratiño... por que se entendeu o seu suposto medo?
- nunca se podería intervir nos casos de mulleres obrigadas a se prostituír, porque, naturalmente, durante catorce horas ao día, non fan mais que gozar e divertirse. Por iso algunhas prefiren suicidarse, por iso deixan que a policía as libere, por iso hai persoas e organizacións loitando contra este problema... que na opinión de este animaliño, non existe nin é problema.
- nunca a igrexa católica irlandesa debería pedir perdón polos abusos – imos dicilo dunha vez, violacións continuadas – cometidas sobre centos de nenos durante décadas. porque, agarrándose á tese deste anormal, os rapaces non recibiron máis que beneficios.
Neste intre, todas as vítimas de violacións deben estar enfermas de noxo, porque estou eu e nunca tal me pasou.
Se barbaridades coma a presente non moven a ninguén a tomar medidas contra estes posuidores da verdade absoluta, non sei a onde podemos chegar. Pero estou horrorizada.
E non serei eu a que fale en contra da liberdade de expresión de ninguén. Pero outras declaracións son cualificadas de apoloxía do terrorismo, ou de calquera outro delito, e a xustiza procesa ás persoas que as realizan.

Ata cando esta impunidade?