sábado, 30 de mayo de 2009

Caras e cus de muller (29 Abril 2009)

Desde hai vinte e catro horas, ler a prensa no que se refire á política europea dá algo máis de noxo do habitual, porque no canto de reflexións, propostas, discusións, acordos e desacordos -en fin, o que calquera esperaría atopar -, a información trata de caras e cus. Así, sen máis.
Caras, as das mulleres fermosas -ás que non se coñece outro mérito, dito sexa de paso - que o incríbel Berlusconi convocou para renovar as listas do seu partido para as vindeiras eleccións europeas.
Cara, tamén, a que se lle puxo á súa dona, Veronica Lario, cando escoitou a este indescritíbel individuo dirixirse a varias mulleres, nunha gala pública, con frases como "se non estivese xa casado, casaría con vostede agora mesmo" ou "a ti lévote onde queiras"... O enfado levouna a escribir un artigo nun xornal poñendo de volta e media ao denominado "cavaliere" (????) e asegurando que ela e máis os seus fillos son vítimas e non cómplices das saídas de pata de banco do "señor" Berlusconi.
E cus, os da ex modelo francesa Carla Bruni e da ex xornalista española Letizia Ortiz, fotografados ate a náusea durante a visita do presidente Sarkozy - e señora, claro - a Madrid.
Non abonda con que durante as visitas oficiais, os señores políticos celebren reunións mentres as súas donas toman té, visitan museos e hospitais, e outras actividades semellantes e igualmente importantes para a Humanidade, senón que agora, hai que pasar revista a curvas e cus, mirar quen vai mellor ou peor vestida, canto miden os tacóns e se fixeron ou non algún amaño nos seus físicos...
Que son moi donas de facer, por outra parte, o que queiran con trapos, narices e cus, pero que estas sexan as noticias destacadas, semella dar cen pasos atrás na loita pola consideración das mulleres como persoas e non como cousas máis ou menos bonitas.
Xa sei que é predicar no deserto e que tales cuestións fundamentais para o planeta serven para encher páxinas de xornais e horas de radio e televisión, polo que cada día somos menos as que protestamos por estes comportamentos.
Pero síntoo moito, a min tocoume nesta feira o papel de raiante. E nesas ando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario