sábado, 30 de mayo de 2009

Non quero pagar máis (10 Marzo 2009)

Hai anos que estou pola obxección fiscal, aquela que en principio foi formulada como protesta pola asignación de recursos do I.R.P.F. que pagamos os/as traballadores/as a gastos de defensa. Hoxe a min antóllaseme necesario propoñer unha nova obxección fiscal para deixar se subvencionar a quen malversa, se enriquece de xeito obsceno, é culpábel da crise ou cobra por non facer nada útil.
Premio. Estou a falar de dirixentes de banca e políticos/as. E dis sindicatos silenciosos e pouco combativos.
Non quero pagar máis subvencións para soster aos bancos que mercaron non sei que paquetes de non sei que porcallada agora denominada "ninja" (ceos, estiven a ler diso e non comprendín da misa a media, agás que nos tomaron o pelo varias veces)... Non quero subvencionar os millonarios beneficios desas entidades e os emolumentos (non me atrevo a dicir salarios, que me soa a traballo) dos seus señoritos. Non quero sufragar novas ideas para que sigan gañando cartos á nosa costa.
Xa posta, non quero subvencionar o aluguer do piso do neto de Botín. Por exemplo. Non quero políticas de "café para todos"; quero que se axude a quen o precisa, e se para iso hai que mirar declaracións de facenda e relacións de propiedades, fágase, demo.
E non quero pagar cifras -menos millonarias, pero suculentas- a unha clase política que non sabe reaccionar ante esta crise, se non é pagándolle máis á banca, culpábel directa da situación na que nos atopamos. Non quero que dos meus impostos -ollo, estou no paro pero pago como cada quen-, unha parte vaia a financiar operacións de alta enxeñería para maior gloria da jet set económica. Non quero máis cochazos, pagados ou prestados (hai que ter pouca vergoña); nin máis cambios de despachos, nin falar máis de cadeiras ou mesas, nin máis tarxetas de crédito utilizadas por fillas adolescentes de concelleiras, nin máis traxes gratis...
Quero que alguén me diga como se amaña esto, que se vai facer por nós, ónde imos traballar dentro de seis meses, se os nosos dereitos xa non importan nada. Se, a parte de votar cada catro anos, a clase traballadora ocupa un só minuto nos pensamentos dos/as nosas/as dirixentes. Que cada día me parece menos probable. Quero que os sindicatos se preocupen menos polos seus ingresos en función de afiliados/as e delegados/as e máis polos problemas concretos. Quero que deixen de aplaudir e se poñan á tarefa. Quero que recuperen a credibilidade e que defendan en serio os intereses de traballadores/as.
A iso viña o título de hoxe. Día da Clase Obreira Galega. Van 37 anos das mortes de Amador e Daniel, e que me coma unha chispa se non é preciso volver a reivindicar o mesmo que daquela; salarios dignos, iguais para mulleres e homes, estabilidade no emprego, menos precariedade, saúde e seguridade laboral, acceso da clase traballadora aos medios de produción, dereito á carreira profesional e a o progreso...
Por iso non quero pagar máis para apoiar estas historias de terror. E por iso me cabrea especialmente no 10 de Marzo

No hay comentarios:

Publicar un comentario