sábado, 30 de mayo de 2009

Silleda Siberia (30 Marzo 2009)

Quero hoxe compartir con vostedes unha curiosa experiencia. A de opositar para o corpo de subalternos (hoxe denominado agrupación profesional, qué bonito) da Xunta de Galicia. Ou como visitar Siberia sen saír de Silleda, sentíndose ademais coma un auténtico xato na feira de gando.
Aló fomos o domingo non sei cantos milleiros de persoas, supoño que lonxe das once mil cen admitidas, pero unhas poucas xa éramos.
A historia comeza coa espera ás portas dos pavillóns, nunha mañá xélida e con algún chuvasco traidor. E claro, coa tradicional demora no inicio da chamada, anunciada para as dez e media, pero que empeza case dez minutos tarde. Dez minutos, para chamar a tanta xente, é moito tempo.
E vaise chamando, unha a unha, a cada persoa, mentres o resto treme de frío, móllase, desespera. Hai momentos en que a comprobación da identidade e de que non levamos ferros ocultos atasca as portas. Paciencia.
Xa no interior, vai un frío que non é normal. Hai persoas, eu entre elas, que parecemos verdadeiros bonecos de Michelin, baixo capas e capas de roupa. Máis curiosidades, ninguén se atreve a prescindir sequera do abrigo, e nalgúns casos, nin de luvas, bufandas e puchos.
Botamos máis de dúas horas e media neses pavillóns conxelados, cunha especie de ar acondicionado que unicamente bufa, frío, sobre as nosas cabezas, dificultando a concentración e alborotando melenas, pero polo demais, totalmente inútil. E estúpido.
Ás veces, cóntame unha veterana, poñen unha especie de estufas grandes, nos pasos entre as filas de mesas cheas de xente. Hoxe non toca. Levo as man azuis cando saio.
Supoño que se considera normal que nos amoreen coma a xatos nas portas dos pavillóns, que nos berren para chamarnos, ou que pola megafonía non se entenda un pito das instrucións, porque para iso é unha feira de gando e o gando non precisa instrucións para nada.
Pero que, á saída, no canto de comentar o exame, a xente só falase do frío, é algo máis que curioso. Sobre todo tendo en conta que a cada un/ha de nós, custounos 19,97 euros a matrícula en tan singular proba. Máis de 220.000 euros en total.
A parte de pagar pavillón e persoal vixiante, non daba para unhas estufiñas? De que depende que as poñan ou non? Da categoría do grupo, da capacidade de organización, da taxa que se aboa?
A min hanmo explicar.... cando deixe de tremer.

No hay comentarios:

Publicar un comentario